Opinión

As paraxes de Federico

O MEU TRABALLO dáme a oportunidade de entrevistar aos mellores músicos do mundo. Na segunda semana de novembro pasan por Lugo artistas cun currículo escrito en varios folios de pentagrama. O Festival de Jazz empezou uns días antes do habitual. O sábado entrevistei a Federico Lechner. Poden velo no piano, ao fondo, en vídeos de Miguel Ríos ou Ismael Serrrano. Mesmo poden velo en directo con Ariel Rot. Lechner é músico de jazz, ten gafas de pasta e un mechón de pelo coma unha crista. A camisa de cadros vermellos e negros está inchada polos anos.

Entrevistar a un músico de jazz é coma falar cun fotógrafo de prensa: complicado. Unha vez que sobes a un coche cun fotógrafo entras no seu país. El marca as fronteiras. Solta as palabras de concordia social e cala. Empeza a concentrarse na luz, nesa luz incerta de nubes xigantes e chuvia minúscula que cambia as cores de Galicia cada dous minutos. Os  dedos laranxas do amencer poden ser o Demo do Barriga Verde cando te dás de conta. Os fotógrafos conducen observando ese espectáculo mentres asinten distraídos a calquera conversa que che importe, tanto o atraso dunha cita médica como aquel día dunha gran guerra en que Hemingway entrou nun restaurante de Spezia. Notou que as camareiras era novas e cariñosas. Acabou descobrindo habitacións no andar superior.

Así que, se subo ao coche dun fotógrafo, pregúntolle por lentes e obxectivos. Faláballes de granulado de películas cando se usaban películas. Asegúrome que conduce un compañeiro e non un taxista. A Lechner apetecíalle pouco falar de que Ismael Serrano non lle deixaba tocar máis notas que as das súas cancións. E eu non podía interesarme polo cifrado americano no jazz porque na segunda frase que me contestase estaría perdido no seu territorio.

Comentarios