Opinión

Pan para troitas

FALEI con dous señores. Non os coñecía.

Durango atópase desta banda da fronteira. está atravesada polo Ibaizabal, o río ancho dos vascos. É unha vila que ten rúas de mármore vella, rota e sucia. Eu estaba asomado a unha ponte cando se puxo onda min un home de pelo recurtado na caluga e de guedellas alboratadas na parte alta de cabeza. Talvez a última desorde antes de morrer. Empezou a quitar migas dos petos da chaqueta, que era gris. Eran unhas migas cativas; non coma as que se botan aos patos, que non atragoan porque o seu esófago é flexible. As migallas eran ínfimas, coma curtadas nunha máquina de triturar amendoas. O señor lanzou unha presada á auga e quedaba quieto mirando. Achegouse a min. Explicoume que el perdera  vista. Preguntoume se podía ver as troitas comendo. Non había troita ningunha. "Haberá cando menos unha ducia. Están contentas". 

En Saint Jean de Luz atópase da outra banda da fronteira. Eu sentara nun parque. Miraba un plano do suroeste de Francia. Un señor de gafas e gorra azul achegóuseme. Camiñaba a pasos curtos e torpes, coma se pegase patadas no pavemento. Sinaloume co seu bastón. Supuxen que quería sentar no meu sitio no banco, á sombra da calor. Desculpeime e cedinlle o asento. Pero non. Preguntoume se me podía axudar. Sabía que quería ir a Bastida, pero pedinlle que me dese un consello. Consulteille sitios interesantes e bonitos a menos dunha hora en coche. Bidart? Anglet? Cambó? Biarritz? El negaba coa cabeza cada un que lle dicía. "Non o coñezo, non estiven". Empecei a desesperar ao reparar que o home nunca saíra da súa vila. Pensei en Burdeos, centro administrativo da comarca. Colocou as gafas: "Oh! Burdeos! Que vila tan interesante! Estiven unha vez de novo". Marchou feliz de terme socorrido.

Comentarios