Opinión

Pan de ouro

EUGENIO CORRAL ascende pola escalinata de mármore da Praza de Abastos coa aura maxestuosa dun rei etrusco no día da súa coronación. Eugenio é discreto; pero o seu carro da compra, non.

Leva un carro de catro rodas. Soño con ese modelo dende que acompañaba á miña nai ao mercado. Non podo deixar de comparalo co meu, que se limita a rodar sobre dúas rodas porque nunca atopo o mes para darme un capricho. Os meus fillos son unha ruleta de imprevistos que se abre cada dous ou tres días para comentarme que precisan cartos para un campeonato de voleibol ou porque quedaron secos nunha fin de semana que excedeu  o marco da Europa que figura nos atlas.

Eugenio admíteme que o seu flamante carro empeza a fallar na rodaxe, unha observación que me consola. A maiores, reparo en que o meu ten un chisco máis de capacidade. Logo me decepciono, sen recoñecerllo, porque el resucita de ánimo para garantirme que vai comprar outro igual ao que eu envexo.

José Antonio Pernas, o fillo do debuxante viveirense Ramón e irmán do escritor tamén Ramón, confesoume a semana pasada que el fai a compra, pero lle dá reparo andar con carro por Quiroga Ballesteros. José Antonio é un home esvelto e viste unha zamarra vermella. Dubido en que ninguén reparase nun triste carro con dúas rodas, coma o meu, se o tivese.

De volta á casa co meu carro cheo de ovos recentes e laranxas coma acuarelas crúzome con Orozco. Camiña cara á Farmacia Central co peito de pan de ouro iluminado por un sol barroco. Vai perseguindo un neto, que corre as 24 horas de Le Mans nun triciclo. Respira o aire do alivio, de saber que os outros xa non o miran con reproche e misericordia. Podería levar un carro da compra dun verde fuorescente, que ninguén se daría conta.

Comentarios