Opinión

Paciencia

Teño un xoguete novo. Ana regaloume un teclado. Pode pregarse para quedar do tamaño dunha funda de gafas. Serve para conectalo ao móbil e escribir columnas. A función real é ir polo centro para amosarllo á xente que me atopo con calquera escusa. Os xoguetes prolongan a infancia. Non se trata de presumir de gasto porque anda polos 30 euros. Non debería confesarlles o prezo porque os amigos e afectados da miña soberbia pensan que é o triplo de caro. Hai veces en que me dan ataques de humildade que me custa serenar. Mesmo me descubro indicando aos coñecidos a referencia para que todos poidan compralo e levar nun peto un ordenador que combina un teclado e un móbil. Xa que non podo presumir de cartos, presumo de novidades.

Cando tomo café cun amigo pouso o teclado sobre a mesa. Onte cadroume na barra do España con Rafael Pérez. Foi concelleiro popular. Contábame as sombras da oposición, do traballo que elaboraba sabendo que non ía ser aceptado por Lara Méndez e Rubén Arroxo. Rafa estaba máis erguido que cando era edil. Os políticos melloran a postura corporal ao deixar de exercer. Ignoro se é porque se sinten aliviados do peso do poder ou porque pasan menos horas inclinados nunha mesa para preparar propostas.

Tomei outro café con Rubén Arroxo en El Castillo. Quitei o teclado. Como o ignoraba cambiei de tema. Pregunteille polas obras do centro, aínda que non son responsabilidade súa. Son partidario de quitar os coches de dentro das murallas, pero tamén das árbores. Regalan oxíseno, sombra e verde que te quero verde. Para Paula Alvarellos eses traballos son unha herdanza a deber. A alcaldesa ten a aprobación da rúa polo de agora, pero o produto máis caro nesta vida é a paciencia. O seu prezo débese a que escasea.

Comentarios