Opinión

A paciencia de que che limpen os zapatos

UNS RAPACES con chalecos verdes móvense polo café Celta. Usan cámaras negras e sofisticadas. Unha vintena de persoas toma cortado e pregunta, de mesa a mesa, pola saúde de Conchita. "Puxémoslle coidadoras!"

Os fotógrafos parecen alumnos en prácticas. A Ricardo non lle importa que quiten imaxes do vapor italiano que exhala a cafeteira. A primeira foto na que se ve un ser humano tirouna Daguerre en 1838. Aparece unha bulevar de París. A esa hora da mañá había carruaxes, ducias de persoas paseando, vendedores de froita ou condenados tristes indo ao avogado. De todo iso soamente unha persoa quedou fixada por quedar quieta. Limpábanlle os zapatos. O daguerrotipo reclama dez minutos de exposición. Todos corrían. Xa daquela ninguén tiña a paciencia para dedicar ese tempo para que o alquimista Daguerre fixase unha imaxe nunha placa.

Dous clientes do Mirador, no parque, érguense dunha mesa cercana ao templete co mapa en relevo. El viste unha camisa azul Florida, fáltalle un dedo; ela é loira e ten a raíz do pelo escura. Varias pombas furiosas caen en voo kamikaze contra a mesa. Tiran unha taza, envorcan un vaso. Os paxaros picotean nos restos de tortilla ata facelos desaparecer na fame negra. Fágolles fotos co móbil. Ao meu carón hai unha pomba pousada sobre unha mesa do interior da cafetería, que xira a cabeza coma unha carraca. Outra pasa xunto ao meu pé andando de perfil coma nunha pintura exipcia. Os clientes non se sorprenden, os camareiros están demasiado cansos como para velas. 

Pérez Reverte chama "imbécil" ao funcionario do cárcere de Teixeiro que lle devolveu unha carta que mandara a un preso. Non espero literatura nin educación de Reverte, pero agradezo a paciencia de que aínda escriba cartas. Esa sorpresa.

Comentarios