Opinión

Os dados cegos

O PRESIDENTE da Terceira República española, Honorardo Malumbres, chamoume ao periódico. A pena foi que eu tiña o día libre. Sentinme honrado de que acordase de min, emocionado de que houbese república en España e sorprendido de recibir unha chamada do futuro. Andei entretido coas eleccións locais, pero non me soa que deixásemos de ter un xefe de Estado elexido non a dedo, como pensan os maledicentes; senón por ser fillo do seu pai. Amante bandido, cantaba Miguel Bosé. O azar xenetico é máis xusto que as eleccións. No voto inflúen multitude de factores.

Mesmo agora a Dereita liberou o espectro de que non se produza o turnismo: de que non goberne o Partido Popular, como toca. Resulta fascinante escoitar os avisos do birlibirloque que vai facer Pedro Sánchez no voto correo e, ao tempo, as arengas para que se vote por correo.

A vantaxe da monarquía, estaba dicindo, é a imposibilidade de manipular o voto, calquera voto, sexa presencial ou postal. Pero os comicios tamén teñen o seu azar. Despois de cada proceso electoral teño o costume de mandar postais de felicitación ou asinar nos libros de pésame cos políticos que trato. Dubidei en dar os parabéns a Elena Candia. Os seus resultados foron excelentes, pero poida que ela non os perciba así. Demostrou valentía ao apostar todo o seu capital no 13 Negro na ruleta. Lograr unha alcaldía en dez meses tiña contadas posibilidades de éxito. Saíulle mal. Pero foi un fracaso dunha dimensión menor á que lle augurara eu. Se o azar do voto tivese sido distinto a esta hora Candia sería alcaldesa de Lugo ou presidenta da Deputación. E esta columna, en consecuencia, sería distinta. Quédanlle catro anos de parón, incerteza e noites brancas. Pero o azar, ben o sabemos, xoga aos dados.

Comentarios