Opinión

O analfabeto ordenado do Partido Popular

FUN Á FEIRA do Libro de Lugo. Saudei políticos. Había escritores tamén. Paco Martín marchaba cociñar porque lle viña a filla. Ela celebraba que o seu Porto gañou a liga. Chegaba directamente do estadio. Sentei tomar un café no Celta. Empezaron a rodearme concelleiros do Bloque, como vinte ou trinta. Se cadra o BNG non ten tantos concelleiros en Lugo. O asunto é que me vin nunha asamblea local. Eran tal cantidade de edís que temín que Rubén Arroxo nos chamase veciñanza e nos falase de peonalizar a Nacional 6. Foi prudente. 


Antes lía novelas negras, agora leo crónicas políticas en El Progreso. Nunha novela negra sabes quen é morto dende o principio; nunha crónica política non sabes quen é o morto ata que se celebra o congreso local. Así que non comprei novelas;  senón un libro sobre Sócrates, que lles encarguei aos de Trama. Antonio Ameijide levaba un suéter cunha letra A desmesurada no centro do peito. Contoume que o outro día estivera con Baltar, que levaba unha letra B. O Partido Popular sempre é un alfabeto ordenado. Antes empezaba pola letra F, colocaron un R no seu lugar. A bicicleta sigue rodando. Óscar Poy acusoume de ser «bloqueiro» diante dun señor. O home botou a cabeza para atrás bruscamente, como se rompese a chover nas piscinas do Fluvial. Informei a aquel home asustado de que eu sempre voto polo Partido Popular independemente de que presente como candidato á Xunta a Ana Pontón ou a Formoso.


Hai candidaturas singulares. Lara Méndez soña con que un día lle dediquen as Letras Galegas a Héctor Castiñeira. O pregoeiro comentou que, levara tantas sorpresas na pandemia, que xa nada podía estrañalo. «Soamente falta que escriba en galego». Héctor pediu as Letras para Paco Martín, que estaba cociñando na casa, a cen metros mal contados.