Opinión

O voo dos paxaros

BASCUAS FOI quen me aprendeu a interpretar o voo dos paxaros. Nunca fun bo alumno.

"Ten vostede un niño de pardais na cabeza", apuntaba o profesor de Matemáticas, José Carlos Andina. Suspendíame con maior contumacia. Non podo alegar que me tivese manía persecutoria. Era íntimo amigo do meu pai, que daba a mesma asignatura no mesmo instituto de Ribadeo.

A imaxinación agonizoume cos anos, a medida que a vida empezaba a saberme amarga; pero tampouco dou lembradas as leccións de Bascuas, os elementos a observar: se os merlos trazan círculos máis ou menos amplos, se os corvos grallan en do sostido, se as pombas se empoleiran no templete da música,... Terei que pedirlle que volvamos ao parque de Rosalía e retomemos aquel curso de iniciación. Dáme clases con xestos ampulosos que imitan a traxectoria de cada ave, con voz de barítono que encara un staccato.

A próxima vez que nos citemos no parque quero levar algunha lección aprendida. Comprei onte O Mintireiro Verdadeiro. O vendedor fumaba na rúa da Raíña. Augurou que falta demasiada pandemia, como se fose un peso que vaiamos dar soportado durante anos. Agora sei que "Aire de Lugo, bágoas a xerras" ou que "auga de outono mata ao seu dono". Agora teño o futuro nas miñas mans.

O oráculo prevé bo tempo para o San Froilán de dentro dun ano: "Perto da Pilarica o tempo arrolará as nubes que liscarán enfurruñadas deixando unha xeitosa solleira". Espero que se poidan montar as barracas con outro ánimo e con máis prazo. Lara Méndez acertou nestas festas en contra do que lle auguráramos algúns. Outro punto de vista é calcular a resistencia da corda que ata a coalición. O Mintireiro Verdadeiro advirte: "En outubre Deus nos libre dunha mala nubre". As aves nunca voan cando chove.

Comentarios