Opinión

O Tour de Francia

Unha parella de vellos toma chocolate. Sentaran a ambos lados da mesa

Ela, cun colar de perlas e un pelo curto tinguido de loiro; el cunha chaqueta granate e canas. Unha taza diante de cada quen e unha ducia de churros no medio. Van collendo e mollando a tempo, coma nun vals de Strauss. O amor do matrimonio é simétrico.

Un home maior ocupa unha mesa negra máis alá. As lentes están gastadas de mirar. Agáchase sobre un café clarísimo. Parece unha pomba baixo a choiva. Chega outro home. Lévame uns anos. Falan unhas frases que non entendo. O fillo repróchalle: "Eu fago o que ti me ensinaches!". O pai non contesta. Parece que estea correndo por un campo da mocidade, na mili en Villa Cisneros. O olor a coiro ao sol, o cheiro das letrinas, a colonia nos permisos.

A parella é unha relación de iguais, elexida. Os fillos son unha trampa da especie para perpetuarse. Un día, nun hospital, danche un coello rosa para que lle fagas de empresario, pediatra, psicólogo e chófer durante trinta anos. Non deixan rédito.

Falo con Manuel de Lorenzo por whatsapp. Preguntámonos por todo e por nada, e tamén pola familia. Cóntolle que estamos preparando a documentación de Antón. Marchará de casa aos 16 anos, a idade perfecta: aínda inocente e todavía curioso, bastante válido para coidarse. Dez meses sen velo. Ao volver será comandante da súa vida.

Os aprendices galos de artesán do século XIII facían o Tour de Francia con esa idade: debían botar fóra da casa durante tres anos para aprender o oficio. Tivemos a mili. Botaban dous anos vixilando o deserto en Villa Cisneros. Agradezo non mandar o fillo a un ámbito áspero e armado. As infanterías das nacións son agora informáticos traballando para o tour sideral de Jeff Bezos.

Comentarios