Opinión

O secuestro de Q.

Lugo ten abolida a liña recta. Vou andando desde casa ata La Modernita. É o quilómetro máis longo do mundo porque camiño en espiral.

Diante das Agustinas atopo a Óscar Poy. Sempre discutimos sobre política porque el pensa que eu son ‘rojo’. Adoro discutir con el porque é incapaz de reparar en que teño razón. O asunto tanto ten.

Giulio Mercati e a Lidia Basterretxea toman café En La Modernita. Faleilles onte de Giulio. É organista de música sacra. Lidia é bilbaína e soprano. Bilbao é unha ópera ampulosa. Preséntolles a Óscar. Debe de medir cerca de tres metros. Ten unha barba riza coma os sumerios e a voz grave coma un camión de gran tonelaxe. Os dous músicos abren os ollos coma as porta dun almacén de Amazon cando o escoitan. Queren secuestralo para que cante nun coro. “l ratto dal serraglio", apunta Mercati. No Rapto no harén  a acción avanza no diálogo, no hai recitativos. Perfecta para un debutante.

Indo cara ao xornal atopo a Q. Cansei de frecuentalo cando el empezou a frecuentar farmacias con receitas falsas. Sigo admirando a vida que pode dar a unha guitarra eléctrica. Son necesarias dúas persoas que se queiran moito para romper a cadea férrea do amor. Q é forte. A súa muller non aguanta máis. Propón que o neno viva na casa e que eles se releven cada semana. Q confésame: “Todas as nosas conversas tratan do pasado. Acaban a berros”. Dígolle que debuxe liñas rectas, sen desviarse a recordos nin reproches. Belmonte protagoniza de O rapto no serrallo. Os turcos secuestraron á súa moza, Constanza, para metela nun harén. Belmonte dá voltas atrapado na espiral da desesperación ata que o seu criado Pedrillo lle explica que a distancia máis curta entre dous corazóns incendiados é adentrarse no pazo turco.

Comentarios