martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

O reino dos miopes

Nunha noite escura saín da miña casa sosegada, coma no verso de San Juan de la Cruz.

Non ben deran as sete da mañá. O aire tiña a fragancia fresca da xeada. Sentei en La Modernita para tomar uns churros con café, pagana delicia. O periódico, este periódico, estaba a dúas mesas. Collino para lelo.

Non escoitara o discurso do Rei, polo que me evitei esa páxina. Este ano era recomendado seguir a encíclica que o monarca imparte urbi et orbe dende unha cadeira, cunha perna tapando outra e á sombra dunha árbore ilustrada. O Rei da Noiteboa contesta ao que a prensa sospeita que vai falar, non é un discurso autónomo. Parece que vai anunciar algo trascendente, pero non se lle permite. A Constitución é ríxida coma o cura da Carolina. Ela anímao a bailar co lagarto que move o rabo "porque Deus todo o perdoa". A Carta Magna está escrita con renglóns tortos: emana liberdades para o cidadán e admonicións para o xefe de Estado. O Rei viuse este ano no cruce de camiños de renderse á linaxe ou conservar a estrutura de poder. Colleu o sendeiro menos enlamado. Pero soamente é a disxuntiva entre o amor polo pai e o interese por manter o estatus. Non hai un trauma adolescente que desgarre o castelo de Elsinor.

Cando saín do Mercado, Lugo estaba borroso. A néboa é o reino dos miopes. Palpamos delicadamente os ollos para saber se esquecemos as gafas na casa, inseguros coma Hamlet.

Na Milagrosa topei a Xerardo Quintiá. Falamos do mundo. Rematamos proclamando Rei da Movida. Os seus pretendentes eran Germán Coppini e Antonio Vega; eu apostaba por Julián Hernández. Para el, Coppini e Vega estaban tocados divinamente polo talento. Eu defendinlle que ninguén soubo imitar a Siniestro Total. As monarquías nunca poden ser hereditarias.

O reino dos miopes
Comentarios