Opinión

O pelo do Rei

SAÍN UNHA hora mal contada pola mañá. Estivera agardando na casa a que me entregasen un aparello para alisar o pelo. Descoñezo para quen. Somos catro. Non imaxino o meu fillo con esa preocupación. Antón ten a chaqueta de chándal como base nas súas combinacións de roupa. Acaba combinándoa cun pantalón de chándal.Sempre. Alégrome de que os pixamas non estean de moda.

Fun comprar unha peza do baño. Era metálica, complexa para pertencer a unha ducha; pero tampouco lle coñezo a función. Os meus días libres consisten en poñer lavadoras con chándales e ir comprar pezas de fontanería.

Baixando polo cantón empecei a sentir berros. Achegueime á praza do goberno civil. Un cento de persoas vestidas de negro rompía rosas vermellas. Perruqueiros e empresarios de sitios para facerte guapo protestaban contra o PSOE. Atopei a Olga Louzao. Preguntámonos cómo protestarían contra o PP. Fixemos unhas bromas sobre paxaros e a película de Hitchcock. Cando Olga marchou pensei si exprimirían laranxas no caso de manifestarse contra o seu partido.

Eu curto o pelo unha vez ao mes. Gustaríame ir máis porque Antonio é ben divertido. Unha vez contoume que o seu pai, perruqueiro de Joan Maragall en Barcelona, falaba pouco na casa e moito no negocio. Cando vas a unha perruquería é para botar media hora amena e, se hai necesidade, que che amañen o pelo.

O Rei non pode ir a unha perruquería. Un barbeiro acude atendelo na Zarzuela. O pelo do Rei tampouco é a melena dunha drag queen, así que amaña con dous tesoirazos.

Ignoro de que falan Felipe VI e o perruqueiro. A familia real dá para moitos chistes. O Rei parece seco, un señor triste e  apagado. O pai, cando menos, bromeaba cando non estaba facendo negocios.

Comentarios