Opinión

O papel de Besteiro

APARECERON os papeis de Besteiro. No xulgado de Lugo tardaron cinco anos en dar con eles, coma cando a miña tía Feli rezaba ao Santo Antonio porque perdera o rosario de prata. Eran uns documentos necesarios para xulgalo. Poderá coñecer o seu futuro xudicial antes do verán. A dúbida é canto crédito público lle quedará en caso de ser absolto. O pleito é menor. Aínda así, cando te meten na grella xudicial saes chamuscado. No seu partido están agardando a que regrese. Contan na praza de abastos socialista que o comprensivo Valentín Formoso lle cederá o liderato para cambiarlle o paso a Ana Pontón.

Hai unha década, Pilar de Lara quixo airear os sotos escuros da cidade. O lume purificador fóiselle das mans. Logrou transformar a sociedade lucense anulando toda unha xeración para a mirada colectiva. Besteiro parece ser o supervivinte daquel esperpento de detencións, sospeitas e vals tristes que os sospeitosos bailaban na praza de Avilés.

Sorprendeume Alfonso Rueda afirmando que Feijóo fora "o mellor presidente da Xunta". Non porque eu teña unha visión negativa de Feijóo en Galicia, senón porque ignora a memoria do fundador do Partido Popular. Fraga acabou nun apartamento prestado cerca da Porta Faxeira, en Santiago. Din que vivía desconcertado polo seu final. O seu mal é pandémico: Cacharro tomaba café consigo mesmo na avenida da Coruña nos últimos anos e a memoria do alcalde Orozco está sepultada baixo o edificio da Garaballa. O poder mira unicamente cara a adiante. O centenario de Fraga chega o día 23 sen que o seu partido anunciase unha coroa de flores polo de agora, Cacharro non logrou que lle puxesen o seu nome nin a un parque infantil e a Orozco non lle consultan pola xestión máis que na comunidade de veciños. Será que nos sobra talento.

Comentarios