sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

O pan de Elías

CADA PRIMEIRO domingo de agosto reúnome xantar con Mediante e Chencho. Facémolo dende que Cristo perdeu a chave que abría a casa de María Madalena.

A data cadra coa Xira a Santa Cruz. Nesa festa a xente sube a un monte para comer empanadas e manchar de morado a camisa. Nada que non se poida facer na vila, pero con vistas á ría de Ribadeo.

Os tres vivimos fóra. Marchamos no ano en que eu deixei de xogar ao baloncesto. Fixéramonos amigos botando un Mikasa laranxa nun campo de medias esferas, hai máis de corenta anos.

As nosas vidas son paralelas, pero non tanxentes. A min gústame a comida sofisticada, con moitos alimentos, auga de varios manancias e diversos procesos culinarios que acheguen sabores. Eles prefiren un único elemento cun paso solitario por unha tixola ou unha pota. Non viven en Galicia, han comprendelos. Fomos ao Villaronta. Calaramares, polbo, pementos de Herbón,... todo rico, dunha única emoción.

Chencho fala e disfruta. Valora o tempo xuntos e a quincena sobre o mar porque vive en Cuenca. Mediante é máis discreto, tamén para comer. O profeta Elías estaba durmindo cando o espertou un anxo. Indicoulle un bolo de pan cocido nas últimas brasas da madrugada. "Pápao, Elías". Elías pensou que estaba aparvado polo sono, que aquel rapaz de cabelo loiro e ás de mármore era un personaxe de Marvel. Deuse a volta no colchón de palla. O enviado de Deus axitoulle o ombro para insistir en que comese o pan. "Terás que facer unha longa viaxe".

O bolo valeulle a Elías para agurantar unha xira de corenta días ata Horeb, o monte do Deus verdadeiro. Mediante prefire saír no chalano para botarse nadar sobre os restos do galeón San Giacomo di Galizia. Imaxina un tesouro que lle permita vivir en Cienfuegos.

O pan de Elías
Comentarios