Opinión

O día do fígado

PASABA POLA Casa do Tambor cando atopei un terzo da militancia do BNG lucense

Estaban falando da súa asamblea do domingo, o Suresnes no que o "independentismo" foi substituído por "un proceso de autoorganización do pobo". Se algo hai de sobra no Bloque son filólogos. Nin Miguel Tellado nin eu comprendimos a frase. Miguel estaba tan confuso que chegou a comparar a Ana Pontón con Manuel Fraga. Supoño que a comparación sentaría mal no PP, un partido que se alimenta ideoloxicamente da saudade fraguiana e o prezo do leite. Recoñecíame o outro día un cargo dos conservadores que "se hai cambio na Xunta en 2024 haberá presidenta".

Eu levaba o carro da compra porque ía cara ao Mercado. Maite Ferreiro preguntoume se o luns é "bo día para ir ao Mercado". O luns é un mal día para comprar, Maite, pero acabara as reservas na casa. Quen dá calculadas as cantidades que poden entrar no 1,83 do Herdeiro?

A muller ausentárase todo o día e o Antón xantaba fóra cos amigos. Cando se dá esa aliñación de estrelas compro fígado para preparalo encebolado con arroz. Na casa o figado é sospeitoso dun crime. Estamos caendo nunha deriva herbívora que acabará por chucharnos o sangue da alegría.

Entrando no Mercado recitei o trabalinguas: "Setze jutges d’un jutjat mengen fetge d’un penjat" ("16 xuíces dun xulgado xantan o fígado dun aforcado"). Os defensores usábana na Batalla de Montjuic de 1641 para identificar os infiltrados de Felipe IV, incapaces de pronunciala a xeito. O carniceiro explicoume que o luns non é día de comprar fígado. "Tampouco os martes, porque está demasiado fresco. Volve o mércores". O fígado é como a independencia: ten o seu momento. Fun pragmático. Comín arroz con arroz. Nada mellor para a saúde.

Comentarios