Opinión

O deporte do mus

RICARDO, o do Celta, díxome que había un torneo no Círculo. O mus é un xogo de estudantes de Enxeñería. Todo futuro enxeñeiro acaba de xantar e baixa ao bar botar a partida de mus con outros universitarios de enxeñería.

Hai uns anos veu polo periódico unha señora. As señoras que se tinguen o pelo ata o ton de Marilyn Monroe parécenme ricas e dotadas dun eco de beleza. Viña anunciar un torneo de bridge, que é un mus de baralla francesa, con 52 cartas. Escribín ao día seguinte que era "un xogo de cartas". A señora telefonoume. Eu imaxineime como se fose un periodista a quen telefonaba Marilyn Monroe na vellez e que me chamaba para contarme o seu amor infinito e amargo por Kennedy. Pero protestaba porque eu escribira que o bridge era un "xogo de cartas". Ela insistía en que era "un deporte". Quedamos os dous en silencio. Eu estaba paralizado. Sentía a muller afrentada respirando axitadamente. De repente, desexoume unha boa tarde e colgou.

Rematado o torneo de mus, onte pola mañá volveu haber actividade física en Lugo. Vin persoas correndo pola praza de Santa María e varios policías, así que fun buscar refuxio na catedral, como facían os ladróns de moedas na Idade Media. Teño dúas opinións sobre as maratóns: unha é que me parece ben que a xente corra e a outra, que me parece innecesario que o faga. Cando pasou o perigo achegueime á praza da Soedade. Había uns romanos acuñando moeda onda o Museo Provincial. Regaláronme un sextercio de chumbo; aínda quente, recén forneado da caetra. Ese sextercio xa lles adianto que vai acabar na caixa de calquera café. Esquezo de separalos dos euros e van todos xuntos. Prefería as pesetas coas caras do Emérito. Facíanse notar, dábanme idea de que os cartos son promesas de avaricia.

Comentarios