Opinión

O corpo incorrupto do auditorio

ASOMEI á venta. Buscaba nubes de cobre ao fondo do ceo. Son anxos anunciadores de que a chuvia marcha.

Imos gastar outra millonada no auditorio frustrado de Lugo porque uns arquitectos locais pensan que a entrada é confusa. Dubido se desautorizan aos autores do proxecto ou o sentido da orientación dos cidadáns.

As nubes asoman en branco e negro. Acordei do arquivo fotográfico en papel que gardamos no periódico. Vexo alcaldes tocados de loureiro, mercenarios de estómago baleirado e servintes xordomudos. A democracia é unha masacre de ambicións e boas vontades. Somos culpables de votar.

O PP manifestouse ante o cadáver incorrupto do auditorio. Escribo acompasado co amencer, horas antes desa inauguración de fogueo. Ignoro a qué altura subiron os foguetes, mesmo se o Mago Rafa quitou os números máis elefánticos da chisteira. Desconcértame o seu papel. Entendo o seu resquemor. Cúrase con nove horas de sono e aceptación.

Amigos da Xunta dínme que rexistran espectadores no Páramo Gaiás

A retórica política é taimada, pero o repertorio de onte era esperable. Ramón Carballo publicou o programa de man neste xornal: Oportunidades, Talento e Industria cultural. Son cancións evocadoras. Lara Méndez ordeara precintar o solar con valados. Nada que reprochar ao seu papel de teloneira: aumentou a estridencia da protesta.

Ramón, linche o artigo con interese. Temos falado do auditorio. Algún militante voso propón baixar o persoal de Frigsa ao  panteón de lucenses ilustres de Magoi. Quedaría desvalido o norte da cidade. Outro apunta á xestión privada. En Lugo enchen Bertín, os Quijano e a función infantil de danza. Temo unha nova Cidade da Cultura. Amigos da Xunta dínme que rexistran espectadores no Páramo Gaiás. Calo. O consuelo require comprensión. Os Xardíns de Babilonia eran máis baratos

Comentarios