Opinión

O corpo e a alma

XOÁN MONTES non paraba na casa. Se non dirixía a Escola de Música de Lugo, corrixía aos músicos da banda, marcaba o estacato ás voces do Orfeón Lucense ou matizaba o latín dos seminaristas na Schola Cantorum.

AS PERSOAS que camiñan rápido acaban logrando o don da bilocación. Poden sentir emocións e mover obxectos en dous lugares ao tempo. Non teño outro xeito de explicarme que o Concello de Lugo fixera dúas homenaxes simultáneas en dous sitios afastados a Xoán Montes. A Igrexa recoñece a bilocación a San Pío de Pietrelcina e a Santa Úrsula Micaela, pero non coñezo doutrina vaticana sobre gobernos municipais.

O domingo fun pasear. Camiño rápido para ver se alcanzo o don de que o meu corpo estea lendo na casa da rúa Celso Emilio Ferreiro e a miña alma cruce un semáforo nas Gándaras.

Parei escoitar clásicos do jazz. Por Mí, Swing soaban estupendamente. Actuaban na praza da Soedade para inaugurar a reforma de Quiroga Ballesteros. Esa bilocación pareceume envexable. A alcadesa prohibira os concertos que programara o tenente de alcaldesa na rúa transformada. Tras esa censura vin razón legal e torpeza política.

Atopei un militante socialista que entendía a medida coma un golpe de autoridade necesario "porque parece que goberna o Bloque en solitario". Contoume que Álvaro Santos é partidario de disolver a coalición canto antes. É lóxico. Lara Méndez parece alcaldesa de tenente. O Partido Popular non deixa de caricaturizar o "bigoberno". Acerta porque morde en óso. Ramón Carballo espera a caída de Roma para entrar na cidade. Pode que a gravedade non afecte a todos. Os socialistas van cara a abaixo. Se agardan máis a erguer o bastón municipal vailles pasar a peonalización por riba sen que se dean conta.

Comentarios