Opinión

O baile das abellas

O SÁBADO pedín pescada nun restaurante. As pescada galega non debe someterse á disciplina dun cociñeiro.

Todo o que precisa é poñela a cocer durante o tempo de rezar tres padrenuestros. Despois, acompañala dun pisto e uns cachelos para aliviarlle a soedade.

Gabriel Rufián falou en Lugo. É un orador naturalista —non usou papel— e estruturado. Houbo chisco á praza: "Como dijo Castelao: Yo me federaría, pero no tengo con quien". O acto acabou cun baile de abellas, como cada vez que vén un persoeiro. Unha abella atopa flores doces, volve á colmea e fai unha danza para indicar a dirección e a distancia.
Cheguei tarde ao banquete con Rufián. Sentei con tres descoñecidos. A pescada estaba asolagada nunha salsa e vixilada por espárragos, gambas e chícharos. Eu vinme rodeado por cargos, carpinteiros e mediadores do Bloque. O cociñeiro, misericordioso, devolvera a pescada a un océano, o seu medio natural.

Na mesa saiu o asunto de Castelao. Eu xa bebera dúas copas de auga. Empecei a dicir que Castelao era un superficial que aprobaría afogar a pescada. Como contraste citei a Vicente Risco, que tiña unha teoría sobre o país e non botaría salsa na pescada. Reparei en que estaba colocando as as consoantes e as vocais na parte alta do pescozo. Daquela reparei en que os meus acompañantes serían admiradores de Castelao e que pensarían que Risco fora un traidor. Baixei o volume e puxen a máscara para o resto do xantar.

Chegados aos cafés os outros comensais pedíronme o teléfono. Temín que para chivarse do meu baile de abella á fundación Castelao. Déronme as tarxetas: Celia Pereira, presidenta da Fundación Risco; Luís Martínez-Risco, expresidente da Fundación Risco e Xosé Rodríguez, secretario da Fundación Risco.

Comentarios