Opinión

Non te deites con moitos homes

A MIÑA IDEA de Napoleón, o home, é confusa. Por unha banda redacta o Código Civil da liberdade, a igualdade e a fraternidade que marca a ruta dos nosos códigos; por outra, cóntalle a Josefina nas cartas: "Os homes son números, unicamente valen polo lugar que ocupan. Non sabes canto me gustaría entrar esta noite no teu xardín escuro".

Enriqueta Otero, a mestra comunista de Castroverde, tiña un galo que se chamaba Napoleón. Cando se volveu indomable deixoullo a Paco Pestana no Agarimo. O bar de autoservizo do artista estaba na rúa Salvador de Madariaga, parede a parede co cuartel da Garda Civil. Paco tamén tiña unha pita. El coñecía os rogos de Napoleón, o home, a Josefina estando na campaña de Exipto: "Non te deites con moitos homes, o meu corazón non poderá soportar ese peso". Cando Enriqueta lle deixou a Napoléon, o galo, en acollida, Paco rebautizou a galiña como Inmaculada Concepción porque "a pita era unha valente e digna defensora da súa virxinadade". O Agarimo xa era abondo improvisado como para  ter revolto o galiñeiro.

De volta ao fogar o mércores reparei que nesa rúa, en Salvador de Madariaga, detrás da casa que tiraron había outra pequena, escondida entre grandes alturas edificadas. Pregunteille a Olga, que vive nos pisos do Seminario. Contoume que a casa era de Enriqueta Otero. Así onte pola mañá  fun onda Nardo, o da zapatería de enfronte. Parecíalle que si. Estaba xa reclamando unha placa ao Concello cando José, o da Despensa de Saa, me confirmou que había unha Enriqueta, pero que non era Otero.

Daquela fun pola Modernita, onde pasa consulta Paco. Enriqueta contáralle que comprara piso na avenida da Coruña. "E mira, Jaure, ninguén conta mentiras sobre a súa soidade".

Comentarios