domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

A noite na que fun 'ayuser'

Na noite do Supermartes de Chamberí saín do xornal rematado o toque de queda. Volvía para a casa cando me decatei de que me seguía unha nave escura cun lucerío en azul vivo. Avanzaba a modo ata que parou onde min. Un policía preguntoume a onde (carallo) me dirixía á unha da madrugada. Eu teño un xustificante profesional, pero lin nunha novela negra que hai que mentir á Policía en calquera circunstancia. Ignoro o motivo, pero a literatura é mestra da vida. Conteille ao axente que era un ayuser e que estivera axudando no reconto telemático de votos nos caucus de Madrid. "Vostede non ten actitude de ser de dereitas", opinou. Expliqueille ao xendarme que veño dunha dignísima familia conservadora, que as miñas tías insistían en que me empadroase en Bermeo, a nosa vila vasca de orixe. Querían que me presentase polo Partido Carlista "porque dende o século XIX houbo un concelleiro da familia".

Onte erguinme de madrugada, cando as rúas aínda non teñen nome, para facer un zume ao Herdeiro. O Herdeiro sabe exprimir laranxas porque ten 15 anos, pero O Herdeiro non se prepararía o zume porque ten 15 anos. A miña muller estaba case na porta para saír traballar cando me soltou unha listaxe de palabras alemás para que comprase nas tendas do Mercado. Casei con ela porque sabía que cociñaría coma unha estrela Michelin sen discurso de feirante e sería unha lectora cómplice das miñas columnas. Equivoqueime no da complicidade, pero así evito confesarlle o desencontro policial.

Os alemáns comen cotrosadas embutidas en salchicha e col fermentada. Todo é cocer. A miña especialidade é a cociña francesa. Ninguén fai unha tortilla de ovo levemente solto como a miña. A cociña dáseme tan mal como a política. Fallo na presentación.

A noite na que fun 'ayuser'
Comentarios