Opinión

A monarquía do cabelo de anxo

Carlos Folgueira, fillo do Rei das Tartas, sentou no trono do pai o actor Luis Tosar. A cadeira real está elaborada con biscoito, almibre, masa follada, améndoas, cabelo de anxo, figos e cereixas, e cen gramos de asombro. Eu coñecín o Rei do Cabelo de Anxo sendo zagal. O meu pai saboreaba a extravangacia e o humor. Pasabamos pola súa pastelaría de Mondoñedo tras algunha consulta ao doutor Cabanela, o proxenitor do cirurxián que operou ao Emérito.  As mans de Cabanela son unha eminencia nos Estados Unidos. Soldou a cadeira borbónica dun quebro que se producira ao caer naquela montería en Botsuana coa Diana Cazadora de Fráncfort do Meno.

Carlos, o vástago da dinastía Folgueira, é discreto e prudente; como todos os príncipes de reis singulares e destacados. En Mondoñedo hai quen prefire as tortas de La Alianza. Supoño que a árbore medrou ata facerlle sombra na horta local. O fundador da estirpe da melena de anxo nórdico, Carlos Folgueira García, estaba adornado por  unha mínima preocupación polo ridículo e un inmenso sentido de espectáculo.

Manuel Fraga levouno nunha visita de Estado galego a Cuba. Cando o avión aterra no aeroporto José Martí da Habana os persoeiros sitúanse en ringleira para desembarcar. Sobre a pista esperaban Fidel Castro, a elite do Caimán Verde e uns centos de ociosos do caloroso Caribe. Carlos xa ía vestido de branco pasteleiro dende Baraxas. Ponse o primeiro na porta. Aproveitando a escotilla como espello coloca o sombreiro de cociñeiro. Os escoltas de Fraga corren apartalo para situalo tras o presidente da Xunta. O León de Vilalba, sabedor de que a gastronómía é seguir a guerra por outros medios, dilles aos gardacostas: "O importante aquí é o Rei das Tartas. El sairá primeiro".

Comentarios