Opinión

A miña teoría sobre o Mundial

ESTOU saíndo indemne do Mundial. Sen ver un partido nin coñecer un resultado. O fútbol provócame malestar. Hai rapaces de 20 anos tatuados correndo a velocidades lumínicas. Nunca serei un deles. Consólame pensar que podería escribir unha columna sobre fútbol a pesar de que carezo de coñecementos. Mariano Rajoy grava notas de voz no móbil. Son obviedades torpemente enlazadas. Mándallas en wathsapps. Bieito Rubido publícaas no seu diario.

Formulei unha teoría sobre o Mundial de Fútbol. Todo o mundo ten a súa. Messi e Cristiano deberían retirarse aproveitando esta Conferencia de Yalta que se celebra en Dubai. Messi corre agora ao mesmo ritmo ca min e Cristiano parecéseme no intento de comportarse como se tivese dez anos menos. Resigneime a ser comentarista. Todas as miñas ideas sobre fútbol son esa única da retirada, pero quero ter conversa cos compañeiros de Deportes. Son divertidos e atenden cando solto marianadas a respecto do tapete verde. As miñas pizarras tácticas non se publican, polo de agora.

A Mariano pedíuselle que gobernase España. O seu carácter confiado facilitou que non entendese a complexidade da crise. Adoptou a postura máis eficaz en política: o perfil. Soubo resistir o embate de Europa para  intervir a economía, aínda que nos custase 60.000 millons de euros. Teria sido perfecto se salvamos soamente os bancos que necesitabamos; pero, como diría el: "A banca é a banca". A cita é de Vujadin Boskov: "Fútbol es fútbol y gol es gol". Mariano Rajoy pasaba por ser parlamentario sagaz, pero os periodistas de Madrid confunden a oratoria coa ironía, A retranca é algo que calquera galego ten por nación. Dubido se Mariano é un ser ocultamente burlón ou se baixo a barba hai un neno que se distrae vendo xogar outros. Bocaaberto.

Comentarios