Opinión

Media ración

ANA PRETENDÍA que madrugásemos o domingo para percorrer unha ruta na contorna de Meira e deixarnos caer na feira. Fíxena entrar en razón. Erguémonos ás dez.

Enfiamos o mercado dominical logo de chegar. A vila estaba sementada de coches. Tivemos que saír e circunvalala. Acabamos aparcando onda o colexio. Ao chegar onda os postos entramos nun túnel de camisetas, zapatillas, fouces e alfombras cheas de bolsos colocados en formación xeométrica. Máis adiante aparcaran as furgonetas da Zona Prohibida. Vendían queixos, chourizos e churros. Os víveres indispensables para soportar a vida, pero que me prohiben os médicos.

No fondo da praza estaban os postos de polbo; detrás da igrexa, inexplicablemente pechada. Pedimos tres racións para os catro. Na mesa do lado, dous homes e unha muller conformáronse con media ración. O seu acento revelaba que eran naturais de Ayuso, en Guadalaxara. Nin sequera querían media ración para cada un; media ración para os tres. Recei unha oración da vella infancia co rogo de que llela servisen nun prato de café. Os polbeiros foron educados. Ignoro o que pagaron. Supoño que cada un puxo dous euros e medio en moedas sobre a mesa. Pedín a conta. Mentres o camareiro facía a suma quitei un billete de cincuenta euros. Temía que fose insuficiente. O polbo vai caro nestes anos. Desprazou o ouro como valor refuxio na bolsa de Toquio. O cálculo das nosas comidas e bebidas deu cincuenta euros. Fascíname a aritmética exacta das feiras.

Ao marchar, sentín rabia de aparcar lonxe. Ofrecían unhas laranxas laureadas por unha folla que reservan o néctar baixo unha coraza de pel grosa. Non me apeteceu cargar un saco ata o coche.Os fillos estaban demasiado durmidos para pedírllelo.

Comentarios