Opinión

Mandei os libros ao frío ártico

A MIÑA MULLER odia a xeografía. Protesta polas miñas "montañas de libros". É contraditoria porque lle gusta viaxar. Leva tempo falando de Islandia.

Odio o xeo porque é traidor: esvara cando camiñas, sobrecarga de luz as fotografías e bótaseche contra os beizos se bebes unha Coca Cola. Cando sae o asunto islandés doulle libros de exploradores. Contan a cegueira branca, os dedos renegridos e podres, o frío infernal que te fai durmir na neve coma un paxariño.

Cando a miña muller senta no sofá e se chanta un libro, aínda que sexa de Isidro Novo, dame a elixir entre o xulgado e a biblioteca. A primeira causa de divorcio en Galicia é un bo avogado; a segunda, unha boa biblioteca.

Aluguei un trasteiro. O propietario é Pepe Fontal, un señor amabilísimo que chegaba dunha viaxe a Islandia. Celebraba a xubilación como profesor de Fotografía na escola de arte Ramón Falcón. A conversa foi sobre Islandia, fotos, xeo,...

Compramos uns estantes. Prometían soportar 900 quilogramos. Saíron a 90 euros, a 10 quilogramos por euro. Eu desconfiaba desa marabilla da resistencia de materiais. Son submiso á Lei da Gravidade. O Herdeiro deume unha lección elemental sobre as forzas físicas que inflúen nos estantes. Non lles vou repetir a explicación. Non temo aburrilos, é que nada entendín. O Herdeiro e a muller insistiron en que os acompañase montar os andeis no rocho. Facer indicacións é toda a habilidade que dou logrado coas mans. Mentres eles dialogaban cun prospecto de logaritmos e raíces cadradas, estiven lendo a poesía reunida de Isidro que edita Galaxia. En cada pantalón vaqueiro levaba un retal de tea vermello ou azul ceo: "Hai que alegrar esta grisura". Escapoulle a vida hai tres anos. Agarda en Islandia. Debería coller ese voo que atraso unha e outra vez.

Comentarios