Opinión

As maletas que usaban os mamuts

AS ESTACIÓNS de autobuses son lugares de confusións e sorrisos. Todas as personas están movendo a cabeza coma avestruces, xirando o pescozo, quitando a gorra. Tanto ten que baixen dun bus como que busquen o que lles corresponde. Onte fun sentarme nos bancos de madeira que hai na estación de Lugo.

Os domingos pola tarde son calmos e exasperantes tanto en Lugo como en Wuhan. Parecen días contaxiados por unha pandemia. Podería baixar contemplar paxaros na Tolda de Castela; de perdidos, ao Miño. Pero os paxaros teñen movementos previsibles. Os humanos poden camiñar nunha dirección e virarse sen coñecer o motivo concreto. Había dúas señoras vestidas a xogo: unha levaba unhas lentes de sol adornadas coma un cáliz e outra calzaba uns tenis dourados. O tinte loiro do seu pelo procedía do mesmo pantone. As maletas eran tan grandes coma as que usaban os mamuts para percorrer Siberia. Preguntaron o xeito de ir a Foz a un buseiro. El contestou: "Teñen que ir no coche  de Santiago". E marchou. Elas miráronse perplexas. El referíase a que debían subir ao coche que viña de Compostela. Nese momento abordounas unha muller que parecía dunha axencia de viaxes. Propúxolles un 4 noites/5 días en Marbella. Alá foron. Han chegar antes que a Foz.

Xavier Queipo contoume o venres que chegara a Lugo dende Vigo en autobús. Vigo, coméntolles por se non o coñecen, é unha pista de aterraxe de avións chea de luces que temos no sur do país, pero Xavier dixo "autobús". É novelista. Estaba fabulando. Ninguén deu saído de Lugo en bus, menos en tren por moito que nos amañen agora a ponte da Chanca. Eu viñen dar un paseo pola muralla romana e levo 28 anos tratando de atopar unha combinación para poder regresar a Ribadeo. Terei que intentalo en globo.

Comentarios