Opinión

Levei un paquete a Correos

Manteño unha pequena industria de colleitar pasatempos para o meu sogro. Vou xuntando encrucillados, sopas de letras, xeroglíficos e problemas de xadrez. 

Cando teño uns centos, fago un paquete. Vou a Correos e mándollo. Onte levei un paquete voluminoso e lixeiro. Podía ser grande se a medida fose o papel, pero é cativo porque se mide en horas de ocio dun home transitado pola vida e censurado na casa polo coronavirus.

Na oficina de Correos, en San Pedro, non había cola. Esa incomodidade eliminouna a pandemia. A outra incomodidade que suprimiu foi a mocidade. Os mozos desta peste van pasar dos 13 anos aos 27 no suspiro dunha balea. Da xuventude moléstame unicamente que hai tres décadas que non pertenzo a ela. En Correos xa non se forman colas. Nos 90 tiñas que esperar un tempo longo a ser atendido. Atopabas un amigo que levara merenda e unha conversa agradable para agardar. Botabas a tarde.

Volvín para a casa pola noite, na hora na que o centro da cidade debería ser o dominio dos lobos e as curuxas. Cruceime cun caudal de rapaces que saía de institutos. Son tan decadente que aínda os chamo Masculino e Feminino. Eu faría calquera tolemia dos anos 80 por volver ser novo, menos xogar á ruleta rusa ou saír correr entre a néboa fresca do Miño. Por iso absolvo os costumes dos mozos. Comprendo que os botellóns no anfiteatro do campus son insáns, sucios e apestosos, seica deixan botellas rotas e bolsas de marihuana abandonadas; pero deberíamos ter memoria e tamén o coñecemento de que as etapas da vida que non disfrutamos non teñen copia de seguridade. Na mocidade apredemos o guion da vida. O resto do tempo repetimos o mesmo papel. O mellor xeito de ser vello é empezar a selo cando aínda es novo.

Comentarios