Opinión

Jesús Vázquez multiplica os pans e os peixes

VOULLES CONTAR unha historia vella. Un castrexo da Piringalla quedara manco nas Guerras Cántabras. Era o encargado de vixiar a chegada do romano. Subira a unha nogueira, máis ou menos por onde está o cuartel de bombeiros. Sentiu revolverse os corvos, esconderse as serpes. A eses sons matizados seguiu un himno da escola de gladiadores  do anfiteatro Flavio. Descoñezo se siguen dando clase de manexo de cardiophylax. O manco correu cara ao castro. Anunciou que se aveciñaban 1.004 romanos. Preguntáronlle cómo os dera contado. "Ben, contei 4 e os outros serían uns 1.000".

No xantar do Día do Veciño reuníronse 5.017 persoas, segundo o rexistro a lápis dos organizadores. Máis dos esperados. A Xesús tamén se lle presentaron convidados de máis nas vodas de Caná. Multiplicou os pans e os peixes sen rosmar. O milagrosista non paga a conta da prodixio.

Resulta meritorio reunir  5.017 comensais. Jesús Vázquez parecía o rei de Shakespeare que morreu "coma un corzo, alanceado por ducias de inimigos"; pero logrou sentar nun banco corrido a Lara Méndez, Diego Calvo, Valentín Formoso e Javier Arias. Botei en falta o Bloque. Son rapaces lidos, pero non chegaron ás memorias de Ramón Piñeiro, o diplomático florentino: "Debes ocupar canto espazo de poder atopes se queres ocupalo todo". Non deberían ir Rubén Arroxo nin Maite Ferreiro, que o ferro da espada está aínda quente; pero si Álex Penas ou Cristina López. O espírito ten que ser o de Fernando Rois, ese hamlet sempre en alerta para vingar a sombra do pai: "Intentan dividirnos, pero hoxe é un día grande". O veciñalismo é unha relixión que non esixe xaxún nin rosarios. Convida a comer chourizo e empanada unha vez ao ano, pola pascua de resurrección do Xesús Gran Poder.

Comentarios