jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Imperios

GIULIO MERCATI chega un pouco tarde á La Modernita. É raro porque ten unha puntualidade milanesa. Se os romanos conquistaron o mundo foi porque tiñan os reloxos de arena en hora.

GIULIO É organista. Os ollos non paran de moverse en todas as direccións, atentos a calquera estímulo. Chega acompañado de Alberto. Alberto Millegrazie? Non entendín o apelido. Alberto toca o oboe e aluga pazos episcopais en Milán. Eu fálolles de imperios, de Lugo como a segunda capital máis importante do imperio despois de Roma. Ben, tiven que esaxerar porque non se pode impresionar a un italiano falándolle da antiguedade. Eles tiveron todo antes e deseñado con máis gusto.

Alberto practica co oboe todo o día. Nos descansos xestiona xardíns de marqueses e piscinas de arcebispos en Milán. O seu traballo consiste en dar voltas ao reloxo de area: comprar, vender, alugar,... o mercado corre. Alberto ten o pelo coma o ouro que levaron os romanos de Montefurado. E corre. Vai vestido de corredor por se hai un negocio que pechar. Falamos en italiano; sobre todo el, porque eu non sei. Dime: "Fago contratos curtos, dun ano. O xoves fun alugar un apartamento no Palazzo della Ragione a un cardeal centenario. Explicoume que non asinaba contratos de menos de vinte anos. Vinte anos representan un cuarto da vida dun home, pero unha milésima de segundo na Eternidade".

Tras despedirme de Giulio e Alfredo, compro ovos e volvo á casa. Fago unha parada no café Celta. Sento onda unhas señoras de abrigo de astracán e pelo coma un mar gris encrespado. Falan da lotería de Nadal. Eu penso en comprar un décimo para que Alberto me xestione un apartamento episcopal en Milán". Elas seguen falando e din: "E quen informa ao Papa sobre ventas de edificios sagrados?".

Imperios
Comentarios