Opinión

Honorable

LOIS CAEIRO contoume unha vez que Jordi Pujol montou un despacho cando deixou de ser president.

Despois, segundo empezou a romper España, a policía descubriu que tampouco era honorable. Resulta que a Santa Transición era unha componenda demasiado humana. Había quen disparaba con salvas do rei e o propio rei compraba os canóns. Volvo ao despacho. Lois Caeiro contoume que pedías cita, que viaxabas a Barcelona e que te sentabas fronte a Pujol para escoitalo divagar sobre o que fomos e o que seremos disfrutando co perfume da súa sabedoría.

Eu non son honorable porque son demasiado covarde e agoireiro. Pero tiven o capricho de montar un despacho de consultas sensatas e opinións aleatorias. Asumín que ninguén me buscaría nun segundo andar da rúa Celso Emilio Ferreiro. Decidín habilitalo nunha mesa de La Modernita. Na apertura presentáronseme dúas persoas. Non foi mérito do despacho:
—Sabiamos onde atoparte.

O día en que morreu un artista de Lugo veu falarme outro artista no funeral. Dixo cousas feas do finado para ditarme a crónica periodística. Fixen como que tomaba nota das barrabasadas, pero non me atrevín a enfrontalo. Logo apareceu Darío Xohán Cabana coma un deus furioso descendido nun lóstrego dende o Partenón para facer retroceder o impetuoso difamador.
—Espera a que o enterremos!

O tripartito colombino de Madrid botou pementa na memoria de Almudena Grandes cando estaba aínda quente no aire. Foi escritora. España mide todo en centímetros de fanatismo. As persoas que viñeron falarme eran cargos do PP de Lugo. Non me preguntaron polo marxismo ou independentismo de Darío. Preguntáronme polo momento máis axeitado para homenaxealo sen molestar á familia.

Comentarios