Opinión

A homenaxe aos Ónega

No paseo da sobremesa atopei pais de 30 anos empuxando carros de bebés e arrastrados por cans. Os cadelos levan nome de persoa, como Lola ou Demetrio, e pertencen ás nais, que son coñecidas como Chabeli ou Pitita. Lugo parecía unha maqueta do Apocalipse. Baixei pola rúa Falcón levado polo vento do sur. Nesas horas pacíficas  o casco antigo descansa de mulleres con beizos pintados e de clientes. Todo o interesante que descubrín foi unha pintada: Valtonyc liberdade/ Marta Sánchez, cárcere. Dubido de que cantar Soldados del amor teña percorrido xudicial.

Faleceu José Ramón Ónega, que lembraba Pol e desenvolvía cargos en Madrid. José Ramón Ónega era unha boa persoa. Fernando Ónega é unha boa persoa. Hai uns anos organizáronlles unha homenaxe en Mosteiro. A carpa, que era grande, quedou pequena. Queríanos no seu lugar natal. Todos somos un espectro de piedade e amor propio cara aos outros. O Xuízo Final vai ser o que nos fagan os que nos trataron na  infancia.

Coñecín a José Ramón sendo el responsable da Casa de Galicia. Eu fora falar dun libro. Tivemos unha breve conversa no idioma de Florencia. Ser cortés era a súa rutina, pero a maiores esforzouse na concordia con outro lucense. A novela debía presentarma Lucía Etxebarria. Era noiva dun amigo meu. Fixo un mutis portugués. Non apareceu. José Ramón aliviou o meu apuro.  O meu amigo desculpouse por Lucía. Falou dunhas pílulas. Presentárama en Lugo. Un domingo estivemos en Campo Castelo. Ela aínda non publicara. Pareceume xenerosa, atenta, intelixente. Despois ingresou no exército cruel da fama. Eses soldados combaten amosando a roupa interior. Agora é un espectro.

Comentarios