Opinión

Hidratar os dedos

O MEU PASAPORTE caducou hai dous anos. Vou viaxar a unha cidade de Alemaña cun nome que non sei escribir. A previsión é alugar un coche azul para visitar Austria, Suíza e Liechenstein. Unha vez ía eu nun deses autobuses urxentes por varios países. Atravesabamos Italia cara ao norte a toda velocidade. Unha viaxeira advertiu de que non podía seguir aguantado. Necesitaba ir ao baño. O condutor mirou para ela a través do retrovisor, con soberbia: "E logo, señora; poderá esperar a que cheguemos a Bélxica, ou?".

Antes de voar a Alemaña fun renovar o pasaporte. Fun á Policía, en Ramón Ferreiro. A funcionaria, con vaqueiros e coleta, explicoume que teño "seca a pel dos dedos". O maquinillo non daba rexistradas as miñas pegadas dactilares. Tiven a fantasía de atravesar postos fronteirizos de gardas rapados e cans que me ladran. Os meus dedos sen pegadas impedirían que fose identificado.

O pasaporte hai que telo na casa xunto ás chaves. Nunca sabes en qué país vas durmir. Unha vez xurdiume unha viaxe inesperada. Invitoume Ánxela Bugallo. Se boto contas fun o único escritor que non renegou da conselleira de Cultura na era Feijóo. A condición humana é confusa. Pasoulle a Zapatero con aquel gremio que se debuxaba unha cella co dedo. Depilouna coa chegada de Rajoy.

Acudín ao mitin de Zapatero en Lugo. Volveu repetir o chiste sobre os parecidos de Feijóo con Casado e Rajoy. Xa llo escoitara varias veces. Cando Zapatero era presidente —bo presidente no reformismo social— tiña quen lle escribise os discursos. Nótase que xa non. Os escritores de discursos, aínda que non asinen, deixan pegada. Da travesía pola Moncloa quédanlle os escoltas. Podes identificar un escolta polo empeño en pasar desapercibidos. A Zapatero conteille tres na praza de Santa María.

Comentarios