Opinión

Una gorra bolchevique

BASCUAS estreou o outono. Comprou unha gorra verde de viseira troskista.

A señora da tenda non lla quería vender por ser de muller; a pesar da barba dura de xabarín, a pesar dos brazos pesados de exlexionario. O fresco sombreiro laranxa hiberna. Usará a gorra de prato. "Achégase outubro, o mes das revolucións. Rusia, Asturias.Nese mes visto de bolchevique", proclama axitando as mans cun aire estranxeiro. Levaba días sen tomar café con el. "Cando o sol se pon tuberculoso, péchome escribir sonetos ás sombras tibias das rapazas que florecían no Lugo dos anos 50". 

Bascuas pedalea todas as tardes para baixar dos barrios altos da cidade ao parque de Rosalía cando o sol agacha a cabeza. Mira cara ás leiras que rodean o cemiterio por uns xemelgos que lle prestei. Foron do meu tío Juan, militante de utopías, de cando marchou a Rusia recuperar a tiros o ouro de Moscova. Contempla os paxaros: os covardes pardais, os inquedos merlos, os temibles corvos. Souben que os corvos picoteaban o sal das estradas ao tempo que descubrín a neve. O meu pai era Aureliano Buendía. Recolleunos na praia dos Castros e levounos ao alto asturiano da Garganta, onde a voz dos Oscos fala galego.

Custoume aprender galego. Empecei a falalo sen soltura con 27 anos. Onte apunteime a clase de francés. Pensas que sabes francés ata que visitas Francia. Os galos néganse a falarme en inglés ou español. Son bos para humillarte pola torpeza coa que camiñas nos zapatos da súa lingua.

Hai un mes Bascuas faloume das cholas. Son aves con plumaxe de pizarra. Charles Bonaparte, sobriño do Inmortal, descubriunas en 1853 nas lagoas dos Andes. Agora pousan nas pequenas illas do Miño. Están tan integradas que viven ignorando o nome doce de Galicia.

Comentarios