Opinión

Un gintonic pola bicicleta de Bascuas

PARECE UN chiste. Catro clientes dun bar de Guitiriz preguntaron se podían tomar "a última" aos gardas civís que os multaban por incumprir o  decreto da pandemia

Pensamos todos que era unha situación ridícula de desvergoña, pero reflicte a mentalidade dos lucenses. A modernidade rachou coa relación amo/empregado para transformala nunha relación gañador/perdedor. Nunha disputa xusta calquera pode vencer. O normal no perdedor é cuestionar as reglas de xogo. Pero en Lugo non reclamamos. Resignámonos e aínda festexamos a nosa desgracia.

Deberíamos sentirnos orgullosos de que roguemos cousas estranas, mesmo cun humor surreal. Estar no medio dunha redada anticoronavirus, con varios gardas civís ametrallándote a multas, e pretender tomar un gin tonic é unha xenialidade da retranca. É o recurso de tratar de aproveitar as escasas vantaxes de saberse subordinado, de ser consciente de que nunca vas estar descorchando o cava dos gañadores.

Hai cen anos que soterramos o proxecto de facer un tren entre Lugo e A Mariña. Como lembranza do tren mineiro de Lazúrtegui nos queda unha ruta sendeirista entre A Pontenova e Ribadeo con túneles bravos e escuros.
 

Antón Bascuas, que é poeta e sen embargo ciclista, contoume que, cando soaba o espertador da primavera, marchaba a Monforte. Visitaba a libraría Xistral, de Manuel María para comprar libros da nova colleita. "Ía velo en bicicleta porque tardaba menos que no tren".

Isabel Pardo de Vera, a responsable do Adif, coñece o lado áspero da Historia porque é de Lugo. Visitounos para explicarnos que vai modernizar a liña ferroviaria entre as dúas cidades coa finalidade de que o tren siga tardando o mesmo. A diferenza entre 1998 e hoxe é que nese ano pechou Xistral.