Opinión

Garrincha

ESTABA NUN dormitorio cando apareceu Pilar Rojo. Ela foi presidenta do Parlamento galego. Detrás dela entrou o seu home. Sentín apuro, pero logo me salvou a miña muller, que me andaba buscando por todo Ikea. Eu desaparecera da exposición de utensilios de cociña e acabara na de dormitorios. Compramos unha tixola negra de ferro. Entregáronnos un manual de instrución. Cando fun pai  —lembro un par de veces— non me deron nada máis que un bebé rosa envolto nunhas mantas.

Fomos celebrar o Día do Pai á Coruña. O meu sogro, máis experimentado como pai ca min, convidounos a un rodicio brasileiro. Comemos carne á grella, arroz, carne de vaca, feixoada, carne de xato, plátano fritido, carne de pito, piña asada e carne de porco. Estiven toda a comida tratando de lembrar a canción ‘Siboney’. "Siboney, yo te espero con ansia en mi caney". Un caney eran os chamizos onde durmía a tribo caribeña dos sibonei. Non os venden no Ikea. Ignoro por que relacionei esa canción con Brasil. Nas paredes do rodicio había fotos da praia de Ipanema e do Cristo do Corcovado.

Cando era neno pasabamos as fins de semana na Coruña. Comprabamos café nas tendas de Siboney. Nunha tarde de 1974 o meu pai buscou un bar con televisor en color para que vísemos xogar o Santos de Pelé contra o Barcelona de Cruyff no torneo Carranza. O meu pai asegurounos que eran os dous mellores xogadores do mundo "despois de Garrincha". Daquela pensei que o meu pai non pensaba na calidade cando afirmaba iso; que pensaba no meritorio dun xogador alcoholizado que fumaba nos descansos, que foi definido como «débil mental» polo psicólogo da selección canarinha, que era coxo e tiña os pés metidos para dentro. Pero Pelé soubo explicalo: "Inventou regates que nunca se repetiron".

Comentarios