Opinión

Os fundadores de Roma

Asisto incrédulo outra vez a esa longa tradición española de crear partidos para deixalos que se enchan de bolsas de plástico. Ser intelectual é a profesión brillante de quen non serve para a política. Non todos o saben. 

Os que temos longa memoria lembramos o PSP, o ensaio escrito en francés por Tierno Galván. Savater montou un mecano inspirado en Rousseau. Saíulle UPyD. Puxo á fronte a Rosa Díaz, a muller fracturada do PSOE. Brilllou cunha intensidade dobre e breve.

O xogo intelectual de Savater e Díez era vasco. O seguinte foi catalán. Arcadi Espada e Girauta moldearon barro cunha costela da dereita patriótica. O partido tivo vigor porque colocaron a Rivera e Arrimadas ao amor dos peitos quentes do Íbex. Foron criados pola prensa de Madrid co entusiasmo da parternidade tardía. Pensaron que fundaran Roma, pero non pasaron de levantar un bloque de apartamentos soleados na Manga do Mar Menor. A formación laranxa era un investimento. A banca nunca perde. O produto financiero quedou caduco.

O bonito deses intentos é que agora Espada e Girauta escriben no ABC. O aburrido é que Savater lanza un manifesto cada día impar coa firma seca de Vargas Llosa. Gañarían se Isabel Preysler lles puxese voz nunha locución.

Murcia revelouse como un casino coas ruletas trucadas. Tres ciudadáns tardaron 24 horas en convencerse de que os seus votantes querían unha cousa e a contraria. Coñecen a orixe económica de toda traición grazas a Marx.

Despois da misa maior do TSJM sabemos que haberá eleccións. O PP estará encabezado por Ayuso, lectora de Baudelaire ("Soamente se pode ser socialista ou dandi"). O PSOE, por Gabilondo. El sabe por Martin Heidegger que todos levamos a morte dentro. El tamén a leva por fóra.

Comentarios