Opinión

Fumar contra os pais

HAI UNHA pintada nova na casa branca do parque de Rosalía: Fumar non mata; estudar, si. Sorpréndenme os rapaces que se esconden para botar un pito nos garañóns da cidade. Coñecen o malo do tabaco. Fúmase contra os pais. Eu nunca fumei porque o meu pai me deu permiso. Sacoulle todo o sabor ao tabaco. A miña rebeldía era escapar en trens. Vivía onda a estación de Ribadeo. Subía ao primeiro vagón porque lle molestaba á miña nai. Chegaba a Reinante e volvía á casa. Fun coñecendo "a costa verdecente" en tren, como na letra que escribiu Pondal para o himno.

Somos o único país do mundo cun himno cargado de preguntas: "Que din os rumorosos? Que din as altas copas?". Pondal púxose farruco ao escribir. Acusou aos "ignorantes, imbéciles, férridos e duros; imbéciles e escuros" de non comprendernos. Salvouno que non deu nomes. Pero ninguén contestou aínda esas preguntas de Os pinos. Os de fóra de Galicia deben quedar pasmados cando escoiten a nosa canción máis solemne.

A sonoridade do himno galego lévame a pensar que Pascual Veiga compuxo a música ao acordeón. O acordeón é un instrumento que respira. O resto da familia de vento unicamente expira. Penseino ao atopar a Vadim co seu bonito acordeón na rúa da Raíña. Unha periodista viñera da Coruña expresamente entrevistalo. Espero que non viñese en tren. Pascual Veiga tamén suspiraba. Ela era coñecida en Mondoñedo como A Francesiña, pola beleza. Un tío sacerdote da rapaza apagou ese amor. Casouna cun médico de Barreiros, que acabou de alcalde en Lourenzá. O doutor fumaba, pero era estudado; non coma aquel músico. Pascual marchou de Mondoñedo á Coruña levando nas mans un pano de seda cos pedazos do seu corazón. Nunca volveu.

Comentarios