Opinión

Fumar a normalidade

 O PASEO noturno, despois de cear, é un costume que me ocupa un bo treito do ano, entre abril e outubro. Despois, Lugo vólvese chuvioso e desabrigado. Cústa máis dar resposta a todas as excusas que vou inventando para quedar na casa. Acabo vendo documentais de viaxes e acariñando o sopro divino do gato que morreu hai dez anos. Ao final, el buscaba a calor da calefacción e ocupaba o meu lugar no sofá, xunto a outros coxíns.

No paseo atopei a Álvaro Villasante, que estaba fumando a dez metros do seu restaurante. Sentara nunha repisa baixa do hostal peregrino de Nóreas. Na ventá de arriba unha muller de coleta sombriza e maillot fucsia estaricaba os músculos das pernas. Dubidei se empezaría a andar ou estaba matando o día. Deume reparo amolar a Álvaro nos seus dez minutos de descanso. A maiores non quería espertar aos nostálxicos do Códice Calixtino que durmían arriba.

Cando falo con el, acordo doutro Álvaro, un melómano exquisito de Ribadeo que tocaba a Wagner cunha frautas pequenas que se facía con canas. Viña polo Xardín, o meu barrio, e organizábamos aos cativos no que chamaba a Orquestra das Caniveiras. Tocabamos Frère Jacques e outras cancións de pouca destreza, pero el podía facerche a obertura do Tristán e Isolda ata que afogaba por culpa do tabaco Bisonte. Unha vez roubámoslle un cigarro. Eu tiña once anos. Aspirei ese fume e non volvín fumar.

Álvaro Villasante estaba botando un cigarro. Sentara co seu mantelo marrón e o seu ventre plano. Os bos cociñeiros non adoitan ser larpeiros. Faloume de que veñen máis turistas. Conteille que pensamos en ir a Praga este verán, pero que nos hoteis avisan de que, se teñen refuxiados ucraínos, quedas sen reserva. Falamos da guerra, de que a normalizamos como os fumadores normalizan encher a bora de fume de camión.

Comentarios