Opinión

Unha estrela de sheriff

Una aeronave participante en el Criterium Aeronáutico de Galicia, celebrado en el aeródromo de Rozas

O ESCAPARATE da axencia de viaxes cerca de Santo Domingo anuncia 8 días/7 sete noites de algures e ningures. Son viaxes abstractas, fabulosas. Os voos chegan á hora, o taxista quita as maletas e sorrí, e atopas un Ferrero Rocher na habitación do hotel.

Tras seis semanas de peche en Lugo soño con despegar de Rozas, trazar un círculo sobre Castro de Rei e aterrar en Rozas. Preguntarei a Abelleira canto pode custar. 

Matías Moreno era o viaxeiro perfecto. Foi amigo meu. Seino, aínda que nunca mo dixo. Os amigos de corazón son eses cos que nunca quedas, aos que nunca chamas e cos que nin sequera cadras nas redes; pero cando o atopas continúas falando. Podes recoñecer un amigo pola duración das vosas conversas. A Matías atopábao unha vez ao ano cerca da estación do autobuses. Aleatoriamente. Aprendín xeografía con el: o Danubio pasa a ser Mar Negro en Sulina, os Alpes forman un arco dende Bocchetta di Altare ata Viena. Entre que marchaba e regresaba de Chile gravara un disco, redeseñara o portal e corrixira as probas dun libro. Matías era artista e sarriao, perdoen a reiteración.

Teño unha idea un tanto confusa de quen era O Fugas. Foi o primeiro occidental en entrar sen permiso na URSS. Desaparecía un mes;  dous, ás veces. Reaparecía describindo Vladiovostok como se nacera alí. Nunca traía fotos "por non incomodar ao KGB". Outra vez fixo a Ruta 69. Durou soamente dez días porque "aburría de tanta chaira". Como proba amosaba polos bares unha estrela de sheriff. Era de plástico. Hai pouco souben que O Fugas collía libros dun país concreto na biblioteca. Encerrábase na casa para lelos. Un día saía contando a viaxe fascinante que nunca fixera. Matías viaxaba de verdade. Por iso non vai volver. Via vita est.

Comentarios