Opinión

España

FEIJÓO podería ter aceptado o xogo parlamentario das maiorías. Al Gore, que tamén perdeu unhas eleccións gañadas, empeza as conferencias dicindo: "Fun o próximo presidente de Estados Unidos". A maior virtude política é a templanza para xestionar os tempos. Feijóo confundiu a ambición coa audacia. Quixo presidir España con Vox, UPN, CC, PNV e Junts. Marta Rovira (ERC) afirmou o luns que o Partido Popular os convidou a ese café para todos. Quedoulles por chamar a Cántigas e Frores.

Madrid é unha fogueira de vanidades. Carboniza. O aínda líder do PP escapou ao lume acusando ao PSOE de crime de lesa patria por negociar cos mercaderes de Junts a amnistía a cambio de votos. Afeccionado ao ciclismo, Feijóo botouse ás estradas sobre as rodas da amnistía e o terrorismo. Pedaleou durante oito meses.

En 1808, o pobo de Aranxuez botouse á rúa con trabucos e pistolóns na busca de Godoy. Agora fan a festa de apalizar un pelele.

Feijóo tardou en entender que os monicreques, os rosarios e as bonecas inchables de Ferraz convertían os seus argumentos en esperpentos. Tal vez reparou en que perdera o rumbo ou poida que lese a Robert Badinter, o ministro de Miterrand que defendeu aos últimos guillotinados. Badinter pedía que non se falase de xustiza cando se executaba unha vinganza.

Así que o pasado venres un peso pesado do PP convidou a xantar a 16 periodistas para insinuar una tregua con Cataluña. Con todas as condicións que vostedes queiran, pero en política conta a intención. E Feijóo quixo facer sanchismo sen Sánchez. Gustoume que o imitase en Lugo. Valorei que elixise o resturante España. Tanto polo simbolismo do nome como porque se come de gloria. O emisario correu a sorte natural de todo mensaxeiro: ser fusilado ao amencer a base de desmentidos.