Opinión

Escudería Baltar

Este país conserva tradicións persistentes: o churrasco, a Panorama, os cambios inesperados de tempo, a seriedade na coña, a reivindicación do Reino negado, Rosalía, o polbo con Coca Cola, a tortilla materna e a sentenza por unha banda xa sabes e por outra qué queres que che conte. Explíquelle vostede este amor pola eternidade propia a unha parella da garda civil de Zamora que o sorprende nunha autovía recta e soportífera a 215 quilómetros por hora. Manuel Baltar non facía outra cousa que render culto ao rally,  tradición galega que inspirou as películas de Fast and furious.

A Garda Civil é un corpo etnicamente galego, pero a Baltar  tocoulle a cota zamorana. Se fose presidente da Deputación de Ourense, invitaría os dous gardas á capital da provincia. Na rúa do Progreso hai unha escultura en bronce. Representa un coche no que sentan dous pilotos: Antonio Coleman e Estalisnao Reverter. Teño un amigo que matiza: "O coche é Renault, pero o motor é Porsche". Dubido de que Ramón Conde introducise un motor na súa estatua, pero os de Ourense son peculiares. Hai un señor de Montoedo (Ribeira Sacra) que se construíu unha nave espacial supersónica a xeito de alpendre na horta da casa.

Manuel Baltar recibiume unha vez. Tardei 23 minutos en chegar desde a portería ao seu despacho. Camiñaba entre mármores e alfombras, guiado por secretarias. Sentíame impresionado e un tanto angustiado. Non se me ocorría un tema de conversa co presidente. Logo de entrar, mentres el me daba a man coa pulseira da Ourensanía, preguntoume pola idade. Manuel miroume incrédulo: "A ver, Jaureguizar, que tes moito pelo para ter 53 anos". Eu acertei a contestar: "Señor Baltar, o pelo é a única parte do meu corpo que non entrou en declive".

Comentarios