Opinión

Elena Candia abre unha pastelería

NOE PUXO UNHA pastelería en Campo Castelo. Chamouna postrería, aínda que nunca lle chegan os doces ao mediodía porque logo os vende. A muller mandoume facer garda coa fresca matinal. Sentei no Celta tomar un café. Vin pasar a Elena Candia. Camiña rápido, uns pasos por diante de si mesma. "Necesitaría dous corpos para o traballo que teño", dime sorrindo. O escaparate do Celta é o álbum de fotos da política local. Vexo o reflexo de Lara Méndez, Paula Alvarellos e Miguel Fernández.

A alcaldesa florece en San Froilán. O ano pasado tivo a valentía de prender a chama das festas. A valentía é unha forma consciente de imprudencia. A chama puido causarlle un incendio de contaxios. Cercou o lume. Este ano viuse fóra do libro das festas. Un libro de festas encabezado polo saúda da alcaldesa pasa desapercibido. Ninguén o vai ler, pero sorprende non telo. Seica que foi unha manobra involuntaria de Lara, pero resultou unha xogada hábil.

Elena Candia é transparente coma un escaparate. "A abstención resta, Jaure. Tes que votar a favor ou en contra. A xente perdoa que te equivoques, pero non que non teñas opinión". O seu andar apresado marca o ritmo da cidade. Lara entendeu que acabou a sesión de vals. Agora báilase rock and roll. A candidata do PP dá corda ao reloxo do Concello cada mañá. Decide os minutos que ten cada hora en Lugo. Rubén Arroxo ignorou ese movemento. Haberá unha pasteleira nova, pero o Bloque ten o seu huso horario. Rubén segue a estratexia do caracol, avanza lento e recto; protexido polo caparazón dos seus concelleiros. Ata agora foi o seu tempo de obras, empeza a estación das palabras. Fala máis no pleno. Pode que a pugna acabe sendo entre Elena e Lara, e que el non acerte a entrar no paso do baile. Gobernará quen camiñe co compás da cidade.

Comentarios