Opinión

Dous homes con coleta

ENTREGÁRONOS o coche. Estaba avariado. Fomos probalo. Ata Guitiriz. No balneario sopra un aire branco e verde que me encanta. Na terraza estabamos cerca dunha parella de homes con coleta. Cumpridos os 50 anos, soamente os técnicos de espectáculos deixan crecer bravamente o pelo. Todos eles están separados, quedaron xordos polo furacán dos concertos, e beben cervexa nos balnearios. Aqueles dous homes foran a Guiritiz sonorizar un acto. As coletas movíanse coma colas de cabalos percheróns. Falaron dos seus divorcios elevando a voz ata o innecesario. O de coleta branca mantén boa relación coa ex. Parece conformarse co que lle trae a marea de cada mañá. O de coleta morena evita cada cousa que lle recorde a muller da que segue namorado.

Decidimos celebrar que volviamos dispoñer do coche indo xantar a Santiago. Lucía Freitas cociña rico no Lume. A viaxe frustrouse. O coche volveu tusir secamente á altura de Palas. Regresamos a Lugo. Anular unha reserva no Lume custa 20 euros por cuberto, pero eu fixera mal os trámites.

Había tempo que non xantabamos no Paprika, en Lugo. Agora ten menos mesas. O concepto actual da sala é vintage: cubertos dourados, vasos bonitos coma pozos de pedra e pratos dos anos 70. Temín que Álvaro Villasante sufrise unha regresión, que nos servise macarróns con tomate. Era o rancho que me daban as monxas no colexio de Ribadeo. Pero non, houbo cebiche de xarda con coco e lima, e houbo canelóns de polo campeiro; tamén houbo modernidade e felicidade. Foron tres horas de desfile luminoso de pratos. Xantamos entre comensais que censuran o móbil enriba da mesa e que falar en voz moderada. Saben respectar, saben que os seus divorcios fan ruído na cabeza cando disfrutas un milfollas de crema e sorbete de limón.

Comentarios