Opinión

Dous cristos nun altar

O DOMINGO houbo un eclipse negro no polígono industrial de Lugo. Un incendio provocou que "o ceo se escurese entre a sexta hora e a novena", coma afirma San Lucas que aconteceu cando crucificaban a Cristo.

Había policías e bombeiros e protectores civís traballando arreo para salvar o futuro de ducias de persoas. E había políticos admirando. Estar, o que se di estar, tiñan que estar Lara Méndez e Javier Arias, a alcaldesa e o delegado da Xunta. Eles coordenaban os equipos que traballaban alí. Non sei se coordenaba a alcaldesa ou o delegado. Explicoumo o meu compañeiro Miguel Olarte, pero non o escoitei. Cando Miguel me fala repito o que me está dicindo substituíndo todas as vogais polo i. Eu quero moito a Olarte, pero leva unha semana levitando pola redacción dende que a súa Real gañou a Copa ao meu Athletic do xeito máis miserable: cun penalti incerto. A miña avoa materna era donostiarra. Vivía en Bilbao. A pesar diso, se lle respectaba o posto na cola da carnicería.

Quedoume clara a necesidade da presenza de Méndez e Arias, pero había un catálogo de cargos electos que me lembrou o enterro do meu tío Santi.  Misaron 13 sacerdotes baixo un ceo mouro no porto de Foz. Santi era cura sen seminario e cun bigote que se balanceaba á dereita ao andar. Cargaba cunha bala na perna. Sobrevivira a unha ametralladora republicana nunha treboada bélica no Ebro.

Nunca sabías se Santi se estaba burlando de ti. Era probable que si. "Non pode haber dous cristos no mesmo altar", dicíame cando me vía competir pola atención da miña nai contra o meu irmán Mikel na praia da Rapadoira. Gardar a roupa onda a toalla e nadar dábaselle mellor a Mikel. Sempre pensei que acabaría xogando no Athletic, pero se dedica a garantir o futuro de ducias de persoas á fronte dunha empresa.

Comentarios