Opinión

A distancia dos gaiteiros

Foi a festa dos Indianos en Ribadeo. A celebración consiste en vestirse bonito para facer cousas. O traxe debe ser branco con aires de marfil e aparencia. A vila da Mariña non cambiou dende o século XIX: se podes aparentar non hai motivo para ser menos. Eu entrei pola parte de atrás da vila porque chegaba en autobús, que revela que non tes chofer nin sequera coche.

Moncho Reinante estaba tomando un café nunha terraza. Fumaba un habano coma unha barra de pan. Cando era un rapaz quería ser Moncho porque el era o mellor no fútbol. Tivo ficha no Ribadeo, no Calasancio e no Lugo. Aínda quero ser Moncho. Ten o meu traballo soñado: prexubilado de banca. Enténdase, nunca quixen ser empregado de banco, senón extraballador dunha oficina do Valadouro, por exemplo. Faríame unha tarxeta branca con letras douradas: Jaureguizar, prexubilado de asuntos financeiros.

Estiven no pregón da Festa de Indianos. Ao rematar vinme na obriga de procesionar. Camiñei dende o Teatro ata o peirao de Porcillán acompañando o alcalde debutante, Dani Vega, excedente de entusiasmo, e o habitual delegado da Xunta, Javier Arias, cos ombros cargados de saber estar. Mentres baixabamos polo tobogán de rúa que conduce ao porto seguiamos un cuarteto de gaiteiros. Dani Vega ía todo o tempo corrixindo o meu impulso de chegar canto antes a Porcillán. Quería diluírme entre a multitude indiana. O alcalde refreábame no paseo para que non me achegase en exceso aos gaiteiros. Superado o apuro, de volta á casa, saudoume Julia. Está xubilada; non de banca, senón do parador de turismo. Como non me daba conta de quen era apelou á estirpe familiar: "Un tío meu tocaba nos Quirotelvos". Daquela si. Non houbo gaiteiros máis respectados en toda a volta.

Comentarios