Opinión

Os disgustos e os favores

O FUCO ten a barba dos anos 90  e unhas gafas de pasta que lle regalaron cando casou. "A muller di que as cambie, pero non vaia ser o demo que vexa a realidade doutro xeito e me faga conservador".

Quedamos en La Modernita por costume. Falamos de jazz norteamericano e de política lucense, que son os temas que lle interesan e a min non me desagradan. Interprétame as enquisas, que aínda están quentes.  A súa lectura é que os dous concelleiros de Ciudadanos quedan repartidos entre o PP e o PSOE, e que os socialistas ceden un ao Bloque. Non vai desencamiñado.

Ten moita confianza en Rubén. Conta con que os nacionalistas van saltar de 5 a 9. A conta fáiseme longa. Augura un sorpaso aos socialistas.  "Lara está incómoda cando a paran veciños. As eleccións locais gáñanse na rúa".  Dígolle que falei unha vez coa alcaldesa, que me pareceu unha persoa seria e correcta. Cítame a Maquiavelo: "Os disgustos hai que facelos todos de vez: os favores, pouco a pouco. Os seus proxectos son demasiado grandes para rematalos en dous anos".

"E o PP? O líder da oposición é un residente ausente. Bota o día en Santiago. As eleccións gáñanse nas rúas, pero non nas rúas de Compostela. E Javier é transparente". Fuco xa non conta con ningún partido máis. Dá as mareas por extintas. "Houbo unhas excavacións recentes no golfo de México. Apareceron restos dos dinosaurios que esmagou un meteorito e un carné da UPG dun curmán meu. As mareas marcharán por onde viñeron: fan ruído e pouco máis".

A maiores de Thelonius Monk gusta de Tomás Luis de Vitoria, o inventor da polifonía, ese xogo de voces cruzadas que se logra situando membros do coro en distintas partes da igrexa. Volve coa metáfora: "Hai que cantar no Centro e na Milagrosa, na Aceña de Olga e nas parroquias rurais".

Comentarios