Opinión

Días de pizza

GONZALO Roibás proponme ir ao Teatro Alla Scala de Milán. Sumo: "Avión, comida, hotel, entrada,... Canto custa a entrada, Gonzalo?"

El solta coa normalidade de convidarme ao café con churros: "Hai localidades a 80 euros no galiñeiro; pero, sendo de Ribadeo, iremos á platea,ou". Non solta o prezo.

 Abre os brazos no medio da Modernita, ergue o queixo e ponse a cantar o inicio do primeiro acto de A doncela da neve. Obra de Rimski Korsakov, ben saben. Suso está curtando uns filetes na carnicería. Queda parado como se o fendese un raio e ponse a facerlle os coros. Eu trato de levar o ritmo petando suavemente na mesa ata que Gonzalo me desaproba cunha mirada cariñosa. Logo empeza a soar ás miñas costas a voz de contrateor de Leo polo Mangiarte. Vai subindo o ton coma un sol que amence. Leo é italiano, o único de nós que non forza o acento para pronunciar os títulos das óperas de Puccini. A doncela da neve é unha peza borracha de fatalismo e a melancolía rusos. Non dei recollida a lágrima.

Roibás dirixe unha banda de dixie, o jazz máis purista de Nova Orleans. Suso é o saxofonista. O prestixio de Suso baixa dende As Nogais, onde aprendeu solfexo co cura don Anxo, e chega ata o linde da Fontaneira, onde o o ducado musical pertence xa a Florencio, O Cego dos Vilares.

Escoito a aria nun silencio teresiano, dramático e extasiado. Ao rematar,  Gonzalo reveloume o prezo das entradas na platea de Milán: "Custan 270 euros". Con eses cartos pago 27 noites de Venres de Pizza ao fillo. O meu amigo insiste. Escoitou Verdi na Metropolitana de Nova York e a Royal de Londres. "O Teatro Alla Scala ten un foxo tan grande que é onde bate o cobre a voz de todo cantante. Coñeces os foxos para acurralar lobos que hai nos Ancares? Iso é a Scala".

Comentarios