jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Dez misas

A BASCUAS faille gracia que falemos de Franco. Refírese a el con cercanía, como se tivesen compartido o olor a coiro, o cheiro amargo das letrinas, a mirada longa do Sáhara e os combates de boxeo entre lexionarios.

Bascuas botou unha mili de aspereza e alpargata nos anos 60. Non me cadran as datas. Dáse conta de que non lle creo o que me di. Pide outro café para cambiar o ritmo da conversa. Daquela empeza a contarme que Franco "tiña as súas cousas, pero  acabou por salvar a alma negra". Bascuas bromea marxistamente, como se o militar ferrolán estivese no Ceo dos Xustos, onde dona Carmen lle achega as pílulas do colesterol na caixa de prata que comprara na xoeiría Malde da Coruña por 800 pesetas. "Baratísima", apunta o meu amigo exlexionario.

Franco senta na mesa. Xunta as pernas delgadas para pousar encima o pano co que limpa a boca, mete as mans por baixo do prato de sopa ao cuarto de hora, que tanto lle gusta dende que instaurou o seu reinado africano no Burgos de 1936.

O domingo estaba contento porque a Fundación Francisco Franco, a súa, lle organizou once misas nas que se rezou por aquela alma branca, a súa, que gozou "o ardor dun divino mes de xullo" e polo seu "corpo case intacto", que escribiu o poeta Constantin Kavafis. O grego non pensaba no Xeneralísimo, senón nun rapaz a que coñecera cando novo, un cariño de "vida disoluta, cunha longa experiencia no desexo".

A pesar de que a Franco lle teñen prohibidas as cousas frías, permitíronlle probar uns pexegos escuros e xeados como as súas mans porque era o 20-N, cabodano do atado e ben atado. Apretou os beizos para sorrir, como aquel día da infancia en que o seu pai lle acariciou a cabeza e Francisco notou, soamente por unha vez na vida, o sopro doce do amor.

Dez misas
Comentarios