Opinión

Deseñan xa a colección de primavera

ANNE NIKITIK díxome ante o Concello que estaba chegada da casa. Procede das illas Hébridas, ao norte desabrigado de Escocia. O vento sopra con tanta furia que non hai árbores e chove horizontalmente. Coté Vázquez Cereijo, a parella de Anne finada hai uns anos, falábame dos intentos por manter en pé o cabalete para pintalas. Contábao movendo os brazos coma se fosen os xigantes que Don Quijote confundía con muíños de vento. Cervantes víraos na película Dolor y gloria de Almodóvar. Anne relatoume os traballos esgotadores que está facendo na fundación que vai dedicar a Coté. Atópase na Milagrosa, fronte a un bar dun té árabe riquísmo. Anne cataloga agora a obra gráfica de Vázquez Cereijo. A obra é abundante. Coté empezou pintando avións sobre os ceos de nubes rosas e querubíns azuis que pintara D’Almonte na casa familiar, ao fondo do Cantón. Organizar ese fondo é coma baleirar o estanque no que nadan os patos do parque usando unha culleriña de café. Anne é tenaz. Pasa Óscar Poy. Saúda inclinando un sombreiro jipi japa coa elegancia dun exalcalde da Coruña nomeado embaixador no Vaticano.

A feira da moda municipal promete ser atractiva pola nova deseñadora de Mondoñedo


O sombreiro de Poy lembroume que me crucei con Adolfo Domínguez nese caleixón de Santiago que cruza da Rúa Nova á Rúa do Franco. É tan estreito que obriga a intimar. Diría que Adolfo ten a timidez dos miopes, pero contestoume que estaban preparando a temporada de primavera.

De volta á Lugo vexo que tamén se prepara a colección de primavera. A feira da moda municipal promete ser atractiva pola nova deseñadora de Mondoñedo. Os modelos danse cobadazos, pero entre os que desfilan para o mesmo deseñador. A pasarela na que se pasan os bocetos dos primeiros traxes non se tende entre o Concello ata a Deputación, senón entre as cafeterías Celta e San Marcos.

Comentarios