Opinión

Cuarzo e feldespato

GONZALO convidoume a un café. Coñémonos de cando el era profesor en Ribadeo. Deume clases sobre ópera bufa e cociña de Rossini na terraza do Cantón. Non podo contarlles nada máis. Pediume que non o citase na colunma.

Presentoume a Javier Pernas. Ten un aspecto de enxeñeiro nórdico pola doce barba de mel. El coñecera ao meu tío Santiago sendo neno. Viuno facendo un experimento. Sorprenderíame que alguén da miña familia paterna non fixese experimentos. No Burela dos anos 50 tiñan fama de aventados. Nunca chegaron a inventar nada. Podían tomar café con augardente en medio daquela humanidade de mariñeiros e labregos respirando vapor de tabaco e xenebra, pero se apartaban a outra mesa para ler un manual de maquinaria en ruso ou revistas de medicina en inglés. O meu tío Juan era profesor de Matemáticas no Femenino. Dáballe apuro falar ante os alumnos co seu tremor de mans incontrolable. Cando entraba nas consultas de Lugo poñía ao día aos médicos sobre párkinson.

Javier contoume que viu o meu tío metendo minerais nun bidón con auga para separar cuarzo e feldespato por flote. "Quedei con esa obsesión". Javier estudou Minas en Sevilla. Unha vez fixo dedo ata Compostela, onde tiña unha moza "con perfume a caldo". Colleuno un señor nun Ford Fiesta vermello. O condutor preguntoulle a que se dedicaba. "A intentar separar o cuarzo do fesdelpato". O condutor non se inmutou. Javier explicoulle que soamente tiña un manual dun norteamericano no que explicaba o proceso. O home dixo: "Vaia a Estados Unidos e chame na porta da súa casa para preguntarlle". Javier acabou creando unha máquina que separaba cinco minerais. "Moito despois. Era tarde. Nunca visitei ao autor. Pero o bidón do teu tío e  ese consello mantivéronme sempre a flote".

Comentarios